>> Inicio

InicioEn castelánEn Catalán. En proceso
 


Zapatero e o PSOE non poden ignorar o ditame do Comité de Expertos
O FOP considera que a definición de RTVE debe ser previa ós proxectos da Sepi

A proposta da SEPI e da Dirección Xeral de RTVE adoece dun erro de partida, e dun incumprimento lacerante. O erro é pór o carro diante dos bois e querer reorganizar RTVE con carácter previo á aprobación da Lei de reforma do Ente, que ha de definir a misión de servizo da radiotelevisión pública estatal e o financiamento e a organización deste servizo público, tan necesario para a preservación do pluralismo e a programación de calidade, que o mercado non asegura.

O incumprimento é dobre: por non asumir o Goberno de ZP, como prometeu este, as propostas do Comité de Expertos para a reforma dos medios públicos estatais (non hai aínda proposta gobernamental sobre EFE), e por se desdicir a Directora Xeral de RTVE de que a reestruturación debería vir, loxicamente, despois da definición a través da Lei.

Como engadido, a proposta da SEPI non é só chatamente economicista, ignorando a rendibilidade social dos medios públicos estatais, senón claramente centralista, eludindo a responsabilidade do Estado e dos seus medios públicos na difusión de linguas e culturas non castelás e dando marcha atrás en conquistas históricas como a programación en catalán de Ràdio 4 en Catalunya ou en TVE en Sant Cugat.

O FOP reclama que desde o Goberno e a Dirección Xeral do Ente Público se negocie de boa fe cos sindicatos e se acepte que a televisión pública estatal ten que dispor da dimensión e a estrutura necesarias para ser realmente o servizo público que se pretende. A reforma pasa polo respecto ós dereitos dos traballadores e ó mantemento dun cadro suficiente e estable con emprego de calidade, o compromiso de permanencia das empresas do ente no sector público polo que respecta á xestión e á produción propia e o mantemento da estrutura territorial como elemento vertebrador dunha sociedade e dun Estado plurais.

A resposta dos traballadores estase a situar á altura do desafío formulado, e alertamos ós responsables de RTVE de que non se reproduzan situacións como a interrupción empresarial do informativo catalán de TVE, cando se leran comunicados de protesta dos traballadores, acto que só cabe cualificar como censura, e de que non se leven á práctica ameazas de sancións contra quen luzan adhesivos reivindicativos en momentos de emisión en directo. De non ser así, engadirían ó inxusto da proposta de reestruturación o autoritarismo que só pode levar ó endurecemento do conflito. E á posibilidade de que o novo modelo de RTVE, eficiente e viable, pero asumindo a súa misión de servizo público, naufrague.

Foro de Organizaciones de Periodistas
13 de marzo de 2006

 

Esta web foi desenvolvida polo FORO DE ORGANIZACIONES DE PERIODISTAS como ferramenta de difusión entre os profesionais dos contidos e alcances da proposición de Lei do Estatuto do Xornalista Profesional.


 

 


Copyright 2006, Foro de Organizaciones de Periodistas
Reservados tódolos dereitos